16 Xuño, 2020 msolar

A Feira do Libro de Santiago convertiuse na primeira de España e de Europa en realizarse trala COVID-19. O acto de inauguración celebrouse coa participación do Alcalde de Compostela, Xosé Sanchez Bugallo, e do Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Vázquez, amáis de membros da Deputación da Coruña e da Federación de Libreiros de Galicia. A feira, cun estrito protocolo de seguridade, tivo unha marabillosa acollida do público e convertiuse en referente e exemplo para outras feiras a celebrar en España.

María Solar, nada en Compostela, leu un emotivo pregón no que salientou a importancia dos libreiros como peza clave na cadea da literatura, e a necesidade da feira como punto de encontro de libreiros, autores e lectores. Falou da importancia demostrada do libro nesta pandemia na que houbo que alimentar non só o corpo senón as emocións na dureza do confinamento. Lembrou como os libros nos permitiron a maiores e pequenos evadirnos da situación e compartir lecturas, e dixo que é tempo de devolver o que os libros nos deron volvendo ás librarías e ás feiras. Para a autora as novas normas sociais e sanitarias son compatibles co traballo e coa cultura. E lembrou que o sector da cultura foi xeneroso durante a corentena, pero que é o medio de vida de moitas persoas que precisan recuperar a actividade. “Lede e dádelle de ler aos nenos, como quen dá de comer, como quen quere o mellor para eles” dixo a autora nun alegato a compartir a feira e as lecturas cos máis novos, canteira e futuro da literatura.