28 Xuño, 2021 msolar
Os rapaces de toda Galicia poderán contar coa versión impresa de ‘Contaxio’, un conto colaborativo escrito por María Solar, Ledicia Costas e Fran Alonso, ilustrado por Leandro Lamas e Lucía R. Regueiro.

Cando escribimos Contaxio os nenos estaban pechados entre catro paredes sen poder saír, non había colexio, perderan as rutinas e os adultos das súas familias tiñan preocupacións non só sanitarias, tamén polo futuro e a economía. A incerteza estaba no ambiente e as familias precisaban axudar aos fillos a sobrelevar unha situación inédita. Saímos do confinamento, pero seguimos en risco e con necesidade de explicarlle aos pequenos que disto só se sae xuntos e colaborando. Diso vai Contaxio, de vencer medos unidos, de colaborar e saír adiante, sabendo que hai eivas, pero buscando solucións.” afirma María Solar. “Nunca escribira a seis mans, nin a catro tan sequera, podo asegurar que non é nada doado pero eles fixérono fácil e fermoso. Para min foi unha experiencia enriquecedora”.

A través de ‘Contaxio’ promóvese a adquisición de actitudes como o interese por apoiar e axudar a outros en momentos difíciles e a preocupación polos sentimentos dos demais. En definitiva, ‘Contaxio’ impulsa o desenvolvemento de actitudes e valores que constrúen democracia e cidadanía” sinala Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia.

Co obxectivo de poder facilitar a aprendizaxe dos rapaces, pero tamén a lectura e desfrute desta xoia por parte de toda a sociedade, ‘Contaxio’ xa está nas bibliotecas municipais, nas bibliotecas dos centros educativos e nos centros de protección á infancia de Galicia grazas ao apoio brindado pola Consellería de Política Social e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

A primeira versión de ‘Contaxio’ viu a luz en formato audiovisual en xuño de 2020. Actores e actrices de renome sumáronse á iniciativa e así participaron, ademais da impulsora Lucía Regueiro, Xúlio Abonjo, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Federico Pérez, Beatriz Serén e María Vázquez. A versión audiovisual de ‘Contaxio’ está dispoñible aquí