31 Maio, 2022 msolar

MARÍA SOLAR PARTICIPA NO VOLUME DE RELATOS COLECTIVO ‘SUMA CREATIVA’


Afundación, a Obra Social de ABANCA, convidou a dez escritores e escritoras galegos a crear un libro de relatos inspirado nas obras da súa Colección de Arte, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 2015. As voces elixidas da nova literatura galega foron Ledicia Costas, Berta Dávila, Antonio Manuel Fraga, Diego Giráldez, O Hematocrítico, María Lado, Emma Pedreira, Mario Regueira, Eli Ríos e María Solar. Cada un dos autores creou o seu relato, neste libro polifónico, conseguindo que as dúas artes, plástica e literaria, converxan no espazo de ficción. As obras plásticas elixidas polos escritores foron dos artistas: Victoria Diehl, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Maruja Mallo, Ánxel Huete, Jorge Perianes, Berta Cáccamo, Urbano Lugrís, Pamen Pereira e Álvaro de la Vega.

María Solar escolleu a obra ‘5 mans dereitas ou parábola da firmeza’ do escultor Álvaro de la Vega realizada en 1998. A autora utilizou a forza expresiva da obra para crear un relato entorno aos recordos perdidos na memoria e a forza das obras de arte para xerar emocións.