18 Xullo, 2022 msolar

MARÍA SOLAR GAÑA O PREMIO XERAIS DE NOVELA CON “A CULPA”


A novela “A Culpa” de María Solar faise co galardón do XXXIX Premio Xerais de Novela 2022 ao que se presentaron 43 orixinais. O premio Xerais de novela é un dos máis antigos de Galicia e o xurado está conformado por lectores. Nesta ocasión formaban parte del Carolina Sertal (xornalista), Mónica Cores (profesora e bookstagramer en @libroscontos), Sara Carballa (coordinadora do club de lectura Daquelas que len), Begoña Varela Bárcena (libreira), Pepe Pintado (científico do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC) e Xosé Manuel Moo Pedrosa(secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, que acordaron por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema “Culpables” correspondente á obra “A Culpa” autoría de María Solar.

O xurado destacou da obra que “a autora consegue unha narración moi equilibrada e áxil. Ao longo de toda a novela dosifícanse e infíltranse perfectamente as pasaxes intimistas e reflexivas que esixen unha lectura máis pausada co ritmo trepidante e os diálogos fluídos para os momentos de acción e suspense”

Xunto co fallo do Xerais tamén se elexiron os premios Jules Verne de novela xuvenil e o Merlín de infantil que recaeron en Rocio Leira e Anxo Iglesias, respectivamente.

Os premios serán entregados nunha gala no mes de novembro, data na que se publicarán os libros.